Club do Mar Bueu

VILA
DE BUEU

A nosa casa

Dicía Staffan Mörling que “Galiza non é a fin da terra, senón o centro do mar”. O antropólogo sueco namorouse de Bueu e, concretamente, da Illa de Ons, onde descubriu as dornas e a forza da tradición mariñeira. Quizais esta anécdota sirva para explicar o que é Bueu, esta vila situada na comarca do Morrazo e que supera hoxe en día os 12.000 habitantes, e cunha historia fortemente vinculada a un mar que se erixe coma o centro de todo.

Bueu é unha vila bañada polo mar, ese mar que vive na pesca e na conserva, dúas actividades que forman parte da historia deste municipio pontevedrés. Estes vestixios poden verse hoxe en día no Estaleiro de Purro, na Banda do Río, considerado como a última carpintaría de ribeira da ría de Pontevedra. Seguindo polo paseo de María Eugenia continuamos camiñando e topamos co Museo Massó, outro exemplo dese pasado mariñeiro e que tamén conta con coleccións históricas dos irmáns Massó.

E ao final do paseo, a antiga cetárea, a actual Nave de Deportes Náuticos de Pescadoira, a sede do Club do Mar Bueu – Simei, un espazo que comezou como lugar de traballo do mar e que hoxe en día continúa como sede para o deporte do remo, e tamén da rehabilitación de embarcacións da man da Asociación de Amigos das Embarcacións Tradicionais Os Galos.

Bueu é, sobre todo, mar. Pero ese mar tamén entronca coa terra. Ás veces mesmo se confunde. Como no caso do arquipélago da Illa de Ons, conformado por Ons e Onza, formando parte hoxe en día do Parque Nacional das Illas Atlánticas. A historia desta illa é moi apaixonante, toda vez que ata mediados do século pasado vivían alí unhas cincocentas persoas, tecendo unha comunidade cunha tradición e costumes inigualables.

This is default text for notification bar