O Club do Mar Bueu fundouse no ano 1982 por Manuel Otero Pérez, co obxectivo de ofrecer aos bueuenses a opción de practicar un deporte cheo de tradición, paixón, arraigo cultural e fisicamente moi esixente e completo como é o remo. Dende entón, o Club leva formando deportistas e remeiros, tanto a nivel físico como humano, sempre baixo o paraugas dos valores do club e do deporte: ilusión, compañeirismo, sacrificio, entrega, solidariedade e compromiso.
O club tivo un percorrido caracterizado polo sacrificio e a procura dun lugar onde desenvolver a actividade e dos mellores medios posibles. Na década da súa fundación, os anos 80, obtéñense os primeiros logros deportivos, conseguindo participar no primeiro Campionato de España de Bateles en 1987 e gañando a primeira Bandeira de Traiñas do Club en 1989, na casa, sendo a V Bandeira de Traiñas do Concello de Bueu.
A historia do club nos anos 90 estivo marcada polas dificultades de poder contar con instalacións fixas e a falta de apoio das administracións nese sentido. Nos anos 1995 e 1996 o club viuse obrigado a quedar sen instalacións e as embarcacións acabaron na rúa, na entrada do peirao da vila. En 1997 volvemos ó mar cos barcos e no ano seguinte, en 1998, saíu de novo ó mar a Maruxía, a nosa traiña.
A partir deste momento comezou de novo un período de gran traballo coa base e a canteira, que se caracterizou polo espírito das categorías femininas e o gran traballo das remeiras do Club del Mar Bueu. O traballo baseado na canteira volveu ser a actividade principal do club, acadando resultados como o Campionato de España de Bateles Xuvenil Masculino no ano 2001 e o Subcampionato de España Sénior Feminino de Bateles en 2002. A presenza nas traiñas femininas nesta etapa foi moi destacada e tamén a participación do Maruxía masculina na LGT ata o ano 2008. Os anos seguintes serían os máis duros para o club, sen posibilidade de poder completar o noso equipo, e tendo que recorrer a iniciativas de proxectos conxuntos, neste caso co Vila de Cangas, co proxecto do Club de Remo Morrazo, que estivo activo nas tempadas 2012 e 2013. Despois destes anos, en 2014, o club conseguiu formar un equipo e a Maruxía voltou de novo á LGT, na liga B, logrando o ascenso ese mesmo ano á Liga A. De 2014 a 2023, a Maruxía estivo competindo continuamente na LGT A.
A actual directiva, encabezada por Manuel Juncal, tomou as rendas do club a finais de 2015 e pouco a pouco fóronse sentando as bases dun proxecto deportivo que se foi consolidando ano a ano, traballando coa canteira como base principal da proxecto e achegando novos patrocinadores ó club, ademais de incrementar a masa social. A partir de 2018 chegarían os primeiros resultados deportivos: Campionato Galego de Batel na categoría Sénior (2018, 2019 e 2020), Campionato de España de Batel Sénior en 2020, Campionato de España de Batel Xuvenil (2021), Campionato de España de trainerillas Xuvenil (2021), e Campionato de España de Traiñas 2022. Ademáis, en 2021, participamos por primeira vez no Play Off de Ascenso á Euskolabel (Liga da ACT), no 2022 por primeira vez na Regata Clasificatoria da Concha, e no 2023, tras lograr o Subcampionato da LGT A por terceiro ano consecutivo e tras a terceira participación consecutiva no Play Off de Promoción da Euskolabel Liga da ACT, conséguese a segunda posición da clasificación e acadando así un dos dous postos de ascenso á Euskolabel Liga.